RELEX

Rede de Lexicografía (RELEX)


III Congreso InternacionaL RELEX

Lexicografía e didáctica

Universidade de Vigo, Campus de Pontevedra, 25, 26 e 27 de outubro de 2017


Os días 25, 26 e 27 de outubro de 2017 celebrarase en Pontevedra, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o terceiro congreso que organiza a Rede de Lexicografía (RELEX) dedicado ó tema da Lexicografía, á didáctica da disciplina e, especialmente, á importancia que ten o dicionario no ensino de linguas e doutras disciplinas.

O Congreso centrarase en dous eixos :
1. Lexicografía e ensino
1a. O dicionario no ensino da L1.
1b. O dicionario no ensino da L2 (ambiental e estranxeira) 
1c. O dicionario no ensino de disciplinas non lingüísticas.
       
2. Ensino da lexicografía
2a. Formar usuarios do dicionario. Que competencias lexicográficas debe ter un usuario e como se poden ensinar? En que contextos?
2b. Formar especialistas en lexicografía. Que competencias debe ter un especialista en lexicografía e como se poden ensinar? En que contextos? Como se organizan as aprendizaxes prácticas?

Estrutura do congreso

Os dous primeiros días estarán dedicados a conferencias plenarias, mesas redondas, nas que participarán especialistas convidados, e á presentación de comunicacións libres que se encadren nas liñas devanditas. As conferencias plenarias terán unha duración máxima dunha hora e as comunicacións libres no deben exceder os vinte minutos de exposición, seguidos dun breve tempo de coloquio.
O terceiro día, en sesión de mañá, estará dedicado a un obradoiro que se organizará sobre uno destes dous eixos temáticos:
a. Ensinar a usar dicionarios: actividades prácticas.
b. Usar o dicionario na aula de lingua: actividades prácticas

Conferencias plenarias

Incluiranse 4 conferencias plenarias, dous por eixo, nos dous primeiros días do congreso, dúas nas sesións de mañá e dúas nas de tarde.
O programa provisorio cos títulos das conferencias e unha primeira organización das sesións farase público a principios de xuño de 2017.

Mesas redondas

Organizaranse dúas mesas redondas cos seguintes temas:
a) Usos do dicionario na aula.
b) Novas orientacións no ensino da lexicografía: os mestrados de lexicografía.

Comunicacións libres

Poderanse presentar propostas de comunicación ata o 17 de xullo de 2017. Deberase enviar un resumo de 250 palabras, que se remitirá en documento anexo ó seguinte enderezo electrónico: congresos.relex@gmail.com con indicacións específicas de autoría. As propostas de comunicación serán sometidas á avaliación dos membros do comité científico para a súa aceptación. A resposta sobre a aceptación da comunicación enviarase antes do 31 de xullo de 2017.
Está prevista a publicación das comunicacións presentadas no congreso despois de seren sometidas á revisión de dous/dúas especialistas, que poderán propoñer modificacións.

Linguas vehiculares do Congreso

As linguas de traballo do Congreso serán todas as románicas e o inglés. Non haberá servizo de interpretación.

Etiqueta de contido

Use a etiqueta #relex3 para pescudar máis información sobre o congreso nas redes sociais e seguir as últimas actualizacións.


Rede de Lexicografía
Facultade de Filoloxía
Universidade da Coruña
Campus da Zapateira
15071 A Coruña

  • T. +34 981 167 000, ext. 1848
    F. +34 981 167 151
    dolores @ udc . es