RELEX

Rede de Lexicografía (RELEX)

I Simposio Internacional RELEX

Lexicografía románica: Estado da cuestión

Universidade da Coruña, 15-17 de outubro de 2013


Desde hai algunhas décadas, a atención da comunidade científica á lexicografía foi en aumento. Por unha banda, a constitución duns sólidos principios de técnica lexicográfica permitiu a elaboración de dicionarios cada vez máis útiles e rigorosos no tratamento de cuestións como a análise semántica, a sinonimia, as unidades pluriverbais ou as relacións entre gramática e lexicografía. Por outra, o recoñecemento xa plurisecular da importancia dos dicionarios monolingües en procesos tales como a estandarización lingüística, ou dos dicionarios bilingües e multilingües en actividades como a ensinanza das linguas, a tradución, a intercomunicación e a intercomprensión cultural entre pobos diversos propiciou igualmente non só a elaboración crecente deste tipo de obras, senón tamén o estudo profundo das distintas tradicións historiográficas como fonte de coñecemento do pasado e como base do desenvolvemento de obras futuras. Por último, na lexicografía histórica únese o emprego dunha técnica lexicográfica eficaz coa imprescindible tarefa de estudar e dar a coñecer a orixe e a evolución do léxico dunha lingua.

Todas estas vertentes que acabamos de mencionar tiveron de novo un especial desenvolvemento no ámbito da lingüística románica. Por iso cremos que chegou o momento de facer unha posta ao día da situación da lexicografía nas linguas romances, crenza que deu pé á organización deste Simposio. A reunión xirará arredor de tres seccións: a lexicografía románica actual, a lexicografía contrastiva e os proxectos de investigación en curso. Se na primeira sección procuramos dar cabida a cada unha das linguas románicas, na segunda e na terceira houbo que proceder a unha inevitable selección. Deste xeito, limitouse a análise da lexicografía contrastiva á realizada entre as linguas románicas e o inglés e o alemán; polo que se refire aos proxectos, foi precisa igualmente unha escolla na que, sen dúbida, poderían figurar outras investigacións de gran valía que se están a levar a cabo no dominio románico. Como corresponde a unha reunión destas características, cada conferencia irá seguida dun pequeno coloquio sobre a mesma.

A iniciativa do Simposio parte da Rede de Lexicografía RELEX (http://relex.udc.es), financiada pola Xunta de Galicia (CN 2012/290) e integrada por distintos grupos de investigación das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Durante o mesmo terá lugar tamén unha exposición de pósters sobre algúns dos proxectos de investigación que están realizando os grupos da rede.
   
Serán linguas do Simposio todas as linguas románicas.

As sesións desenvolveranse na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, no enderezo: Campus da Zapateira s/n, CP 15071, A Coruña.

Para calquera información adicional, poden dirixirse a   maria.dolores.sanchez.palomino@udc.es .


Colaboran

Xunta de Galicia UDC. Vicerreitoría de Investigación e Transferencia
Vicerreitoría de Investigación e Transferencia
UDC. Facultade de Filoloxía
Facultade de Filoloxía
Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Vigo
Deputación da Coruña
Concello da Coruña
Real Academia Galega
Academia de la Llingua Asturiana
Consello d'a Fabla Aragonesa
Instituto de Estudios Altoaragoneses
Fundación Barrié
Institut Français d'Espagne
Edicións Xerais
Librería Xiada


Rede de Lexicografía
Facultade de Filoloxía
Universidade da Coruña
Campus da Zapateira
15071 A Coruña

  • T. +34 981 167 000, ext. 1848
    F. +34 981 167 151
    dolores @ udc . es