RELEX

Rede de Lexicografía (RELEX)


Presentación


A Rede de Lexicografía (RELEX) nace no ano 2012, froito da unión de sete grupos do sistema universitario galego (ROMANYCOM, GLEX, FILGA, HUMBOLDT, ITALIANÍSTICA, Léxico e Lexicografía Especializada e TALG) que teñen a lexicografía entre as súas principais liñas de investigación. O grupo coordinador, “Estudos románicos e comparados” (ROMANYCOM), do que é responsable María Dolores Sánchez Palomino, pertence á Universidade da Coruña.

Posteriormente a rede foi ampliándose e na actualidade está composta por trece grupos de investigación: ademais dos sete mencionados, FRASEONET, da Universidade de Santiago; o grupo de Lexicografía, Lexicoloxía e Historiografía Lingüística da Universidad de La Laguna; IULATERM, do IULA, Universitat Pompeu Fabra; LICEI, da Università de Bologna, campus de Forlì; GRiLS, da Università di Milano, e o grupo de Lexicografía Monolingüe e Bilingüe Italiana, da Università di Torino).

RELEX ten como obxectivos impulsar a investigación e a docencia en todas aquelas liñas de traballo relacionadas coa lexicografía, promover a divulgación e a transferencia á sociedade dos coñecementos e resultados emanados de ambas as dúas actividades, potenciar a formación de docentes e investigadores en lexicografía e favorecer a sinerxia e a cooperación de todos aqueles grupos que traballan en dito ámbito.

RELEX obtivo o financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia nas convocatorias de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia de 2012 (ref. CN2012/290, resolución DOG 10 de outubro de 2012) e 2014 (ref. R/2014/042, resolución DOG 17 de outubro de 2014).


Rede de Lexicografía
Facultade de Filoloxía
Universidade da Coruña
Campus da Zapateira
15071 A Coruña

  • T. +34 981 167 000, ext. 1848
    F. +34 981 167 151
    dolores @ udc . es