RELEX

Rede de Lexicografía (RELEX)


Publicaciones - Pedido de colaboracións

Escritos sobre lexicografía plurilingüe especializada

Pedido de colaboracións


O grupo FF1 Lexico e lexicografía especializada da Uvigo tiña, desde hai xa varios anos,  o proxecto de reunir nun  libro unha  serie de publicacións e reflexións dos seus  membros sobre  a lexicografía especializada e que partían da elaboración do Diccionario  Cuatrilingüe  de  Marketing  y Publicidad:  Inglés,  Español, Francés  y Alemán, publicado en 2009. Porén, o proxecto non se puido levar a cabo por falta de  financiamento.  Agora, no cadro  da  rede  RELEX,  a  publicación  desta   obra encontra o apoio necesario para a súa realización, que supón o colofón ao traballo da coordinadora do grupo FF1, Terencia Silva, que se xubilou este ano.

Ao retomarmos o proxecto,  os editores —a propia Terencia Silva e Carlos Valcárcel, tamén membro do grupo FF1 e da rede RELEX— concordamos na conveniencia de completar o libro con achegas  dos membros dos grupos galegos da rede RELEX. A nosa  idea é incluír unha  nova  sección sobre  a lexicografía especializada centrada nos  pares  entre  o galego e as linguas estranxeiras que  cobren  as actividades da rede RELEX: francés, alemán,  italiano e inglés.

CARACTERÍSTICAS DAS COLABORACIÓNS
O título da compilación será Escritos sobre lexicografía plurilingüe especializada e publicarase  en  castelán  na  editorial  granadina  Comares.  Debido  á limitación de páxinas,  só  será  posíbel  incluír  cinco  novos  capítulos  que  poderán tratar  dos seguintes pares: galego-inglés, galego-francés, galego-alemán ou galego-italiano. Tamén  se poderán presentar propostas de enfoque plurilingüe sempre que inclúan o galego.

A limitación na extensión fai que os textos enviados teñan que ser necesariamente breves. En calquera  caso, non deberán superar  as 10 páxinas (41 000 caracteres, Arial 12,  interliñado  simple, espazos e  bibliografía incluídos) escritas en  lingua castelá,  xa que  nesa  lingua están  xa escritos o resto  de capítulos da compilación. Os investigadores interesados deberán enviar un  breve  resumo (máximo 1500 caracteres, espazos incluídos) para o enderezo carlos.valcarcel.riveiro@gmail.com.

Caso fosen  enviadas máis de cinco propostas, os editores resérvanse o dereito de decidir cales se incluirán na compilación priorizando:
  • ● As  propostas  que   presenten  maior  relación  co  ámbito  da  lexicografía especializada bilingüe ou plurilingüe.
  • ● As propostas que permitan evitar a ausencia dun dos pares mencionados.
  • ● As propostas presentadas en  coautoria  e, entre  elas, as que  teñan como autores máis dun membro da rede RELEX.

CALENDARIO PROPOSTO
  • ●  Envío de propostas (resumos): 19 de decembro de 2014.
  • ●  Comunicación  de  aceptación  e  envío  de  normas de  publicación:  12  de xaneiro de 2015.
  • ●  Entrega dos textos: 12 de abril de 2015.
  • ●  Envío dos textos  revisados aos autores: 4 de maio de 2015.
  • ●  Entrega da versión definitiva dos textos: 11 de maio de 2015.
  • ●  Envío do manuscrito á editorial: 18 de maio de 2015


Rede de Lexicografía
Facultade de Filoloxía
Universidade da Coruña
Campus da Zapateira
15071 A Coruña

  • T. +34 981 167 000, ext. 1848
    F. +34 981 167 151
    dolores @ udc . es